9.10.08
vendima 2008

Este ano a vendima tivo a novidade de contar cunha espectadora (a ratos) que para o ano que ven seguro que xa quererá colaborar máis activamente recollendo algúns baguiños.
Polo resto non moita colleita pero chegou para encher un barril de branco e outro de tinto.
7.09.08
framboesas

Este ano déronse moi ben as framboesas. Son “malas herbas” que case non hai que coidar e dan abundante froito.
Na despensa xa hai botes de marmelada e na bodega un licor vermello agardando a ser catado.
12.07.08
ines

esta rapaciña xa leva neste mundo 4 meses aínda que semella que leva con nós dende sempre.
Cambiaron os hábitos pero tamén chegaron os sorrisos, as simpáticas verbas nunha linguaxe incomprensible e as miradas atentas a todas as novidades do mundo.
3.03.08
unha nova vida
Alguén moi importante está a piques de chegar ás nosas vidas.

A pequerrecha non sabe a expectación que está a crear aquí fóra e as gañas que temos de vela por primeira vez sen axuda de aparellos médicos.
Algún día contareille cómo foron estas semanas de espera: os plans que se fixeron, as obras na casa e as emocións que fixo agromar cando era para min unha imaxe en branco e negro e uns movementos baixo a pel da súa nai.
29.11.07
feijoas
Este ano tivemos a primeira colleita de feijoas.

A espera de tres anos dende que foron plantados os arbustos mereceu a pena pois os froitos son ben ricos; teñen un sabor “tropical” que a min antóllaseme unha mistura entre a piña e o maracuyá.
Nesta época é posible atopalas, con procedencia galega, á venda nalgunhas froiterías.
16.11.07
en construcción
estamos de obras pero trátase de algo máis gordo que cambiar unha folla de estilos ou unha plantilla…

Tódolos días pedímoslle ao señor do tempo que a chuvia non se apure moito en voltar.
1.10.07
vendima 2007
Como xa se temía este ano a vendima non deu para moito. Apañamos toda a uva albariña o domingo pasado e tan só enchimos 3 caixas fronte ás 25 do ano pasado. Menos mal que Manolo o veciño deixounos coller unhas uvas treixadura que non quería para el. Ao final 3 caldeiros de mosto para o barril que darán unhas 30 botellas; se o viño sale bo vai costar unha millonada.

Esta fin de semana tocoulle ás uvas tintas. Coa ameaza do mal tempo comezamos o venres pola tarde e apañamos 3 caixas. O sábado xa tivemos chuvia todo o día e xa semellaba que o viño tinto sería tan preciado como o branco. Pero o domingo despois de xantar víanse claros esperanzadores no ceo e fomos correndo ás viñas propiedade de Manolo que, coa súa filantropía habitual, cedeunos parte das uvas de folla redonda que alí estaban ao refuxio da chuvia.
Nestes intres están a fermentar na cuba as 17 caixas de uva tinta.
20.09.07
castañas e marmelos
non todo van ser desgracias no “ano da carracha”. Hai tres anos plantamos na eira un pequeno castiñeiro salvado dun desastre urbanístico en O Hío (Cangas). Foi unha grande alegría ver os seus primeiros ourizos de castañas.

Outra das alegrías froiteiras do ano é a primeira colleita de marmelos do noso marmeleiro anano.

15.07.07
a derrota de sulfateitor man

este ano o temible mildeu venceu a sulfateitor man a pesar dos seus esforzos por evitalo. A meteoroloxía adversa foi de perlas para os fungos, pulgóns e demais inimigos do verde.
Aínda así o noso heroe foi quen de salvar algúns acios para ter algo que recoller na vendima.
7.06.07
proxecto gato
esta semana a nosa casa converteuse no novo fogar dun par de gatiños que andaban na procura de alguén que os adoptase. É difícil resistirse (para quen lle gusten os felinos) a querer ter unha destas criaturas pola casa. Eu polo menos quédome parvo mirando para eles mentres xogan, durmen, brincan.
Nesta ocasión os nomes elixidos foron Nori e Kombu.
Nori semella ser un gran lector aínda que iniciarse con Pynchon pode ser algo esgotador.

Kombu contempla o mundo dende os seus ollos tristóns e pensa en futuras sopas con ceboliños.






