9.10.08
vendima 2008

Este ano a vendima tivo a novidade de contar cunha espectadora (a ratos) que para o ano que ven seguro que xa quererá colaborar máis activamente recollendo algúns baguiños.
Polo resto non moita colleita pero chegou para encher un barril de branco e outro de tinto.
1.10.07
vendima 2007
Como xa se temía este ano a vendima non deu para moito. Apañamos toda a uva albariña o domingo pasado e tan só enchimos 3 caixas fronte ás 25 do ano pasado. Menos mal que Manolo o veciño deixounos coller unhas uvas treixadura que non quería para el. Ao final 3 caldeiros de mosto para o barril que darán unhas 30 botellas; se o viño sale bo vai costar unha millonada.

Esta fin de semana tocoulle ás uvas tintas. Coa ameaza do mal tempo comezamos o venres pola tarde e apañamos 3 caixas. O sábado xa tivemos chuvia todo o día e xa semellaba que o viño tinto sería tan preciado como o branco. Pero o domingo despois de xantar víanse claros esperanzadores no ceo e fomos correndo ás viñas propiedade de Manolo que, coa súa filantropía habitual, cedeunos parte das uvas de folla redonda que alí estaban ao refuxio da chuvia.
Nestes intres están a fermentar na cuba as 17 caixas de uva tinta.
19.02.07
algas e tostado en girona
esta fin de semana visitamos o forum gastronomic de girona do que podería contar varias cousas e non todas boas. Pero como supoño que xa o farán noutro sitio voume quedar co que me pareceu máis destacable.
Onte houbo unha presentación da cociña con algas a cargo do home de porto muiños e para preparar varios pratos de degustación estaban alí Tino Otero (do restaurante do mesmo nome na Coruña) e un rapaz da escola Lamas de Abade de Santiago.

Croquetas con fariña de algas, empanada de bacallao con kombu de azúcar (algas doces), arroz con zamburiñas e espagueti de mar, figado de rape con nori e unha crema de chocolate branco aromatizado con leituga de mar. Todo en verdade moi rico feito con algas das nosas rías. E penso que en xeral gustou ao público.
Unha iniciativa que merece máis atención pola alternativa que ofrece e para o meu gusto máis interesante que os rebumbios que alí mesmo montou o señor Ferrán Adriá.
Aproveitando a presentación e para propoñer un maridaxe coas algas estaba un home da Vitivinícola do Ribeiro presentando os seus viños brancos do Ribeiro; para o postre escolleron o novo Tostado de Costeira que tenta recuperar unha tradición da zona.

Tiña curiosidade por probar este viño (que non é doce senón naturalmente doce ou doce natural) e non defraudou as expectativas. Un viño riquísimo e distinto feito con uva treixadura madurada uns meses en bodega despois da vendima.
O único da súa clase no país e outra interesante alternativa que pode ter éxito no futuro.
29.11.06
novos viños
esta fin de semana asistín ao Salón dos Viños e Augardentes de Galicia na Coruña.
Despois de catar varios viños polos postos quédome con estes dous:
- O tinto Verdes Matas da Ribeira Sacra. Son das primeiras botellas da adega Pena das Donas e trátase dun viño de uva mencía cun sabor forte (mineral din os entendidos) pero agradable.
- O branco Lorenzo Bescansa da Terra de Betanzos. Hai unha iniciativa de varios adegueiros por recuperar os viños da zona e non ten nada que ver coa idea que se ten destes viños como peleóns.
É interesante comprobar que se están a facer novos viños da terra e xurden novas adegas máis artesanais.
Outra visión do evento en Capítulo 0
6.10.06
vendima 2006

esta é a terceira vendima que facemos e xa é todo un costume na casa. Tivemos sorte co tempo porque días despois de rematar chegou o mal tempo, Gordon incluido.
Este ano houbo algunhas novidades.
Por primeira vez axudaron na colleita os nosos sobriños e penso que repetirán o ano que ven.
Outra novidade foi poñer a proba uns barriles de cervexa que se están a vender na zona para almacenar o albariño, pois tivemos excedente de uvas grazas á “colleita histórica” deste ano.

Veremos como resulta o viño desta volta… aínda que sempre hai que dicir que é millor que o do veciño.
27.04.06
viticultura

xa as parras están cheas de follas novas e semellan medrar un centímetro por día. Axiña chegará o momento de Sulfateitor Man.
Este ano plantamos unhas poucas cepas de Mencía para variar un pouco. Demasiado albariño na zona.

7.10.05
vendima 2005
aquí teñen algunhas imaxes da vendima deste ano. A nosa colleita foi menos cuantiosa que a do ano pasado pero a uva estaba en mellores condicións.

Conseguimos encher un barril de blanco, outro de rosado (chamámoslle así a unha mezcla de uva blanca e catalana), un de tinto tipo Barrantes e un inclasificable co mosto que nos quedou de varias uvas que fermentamos para obter o bagazo. En total 32 arrobas de viño (1 arroba = 15 litros aproximadamente).

Este ano un veciño contounos que o mellor método para evitar que o mosto no barril bote escuma por fora é poñer tubos de goma dende o barril para o escape dos gases da fermentación. A adega semellaba un experimento do Quimicefa.

Todo o pobo estivo revolucionado estes días. Ao final corrían ríos de viño polos camiños.

21.12.04
viño porquiño

Chegou o esperado momento de probar o noso viño. As xeadas das últimas semanas viñeron de marabilla para clarexar o viño e xa comezamos a bebelo. O que mellor sabe é o branco feito na súa maioría con uva albariña; o tinto tipo Barrantes resultou un pouco forte, bravo como di o veciño.
A ver se non se bota a perder cando cheguen os calores xa que non lle engadimos “sulfuroso” nen nada semellante como é práctica bastante habitual pola zona.
28.09.04
vendima
esta fin de semana estivemos de vendima e os dedos cos que escribo isto aínda seguen suxos co zume das uvas. Despois de andar todo o ano primeiro podando, logo atando e sulfatando chegou o ansiado momento de recoller os pequenos froitos. Foi un pouco traballoso xa que algúns acios estaban maduros de máis e había que andar escollendo nas uvas. Agora temos dúas cubas cheas de uvas tintas e blancas (catalán, moscatel e un pouco de albariño) que están a fermentar despois de ter sido esmagadas polos pes dun servidor. As uvas fermentadas vanse poñendo quentes e por aquí contan que unha vez caeu unha galiña dentro dunha cuba e quedou cocida; tamén din que pola parte de Ourense lle botan xamóns enteiros ás cubas co fermento e acaban desfeitos pero isto non foi confirmado …
As uvas albariñas sufriron bastantes baixas este ano por mor da peste do blackrot (aínda que aquí sempre lle botan a culpa á araña roxa) pero tentaremos vender unhas caixas a unha bodega veciña a pesar de que a pagan moi mal tendo en conta os traballos que require esta uva. O resto para os nosos barrís.
Nenos e nenas, isto da vendima é moi fatigoso e penso que aínda temos até o venres. Eso sí, o viño vaise desfrutar máis que nunca.
21.07.04
sulfateitorman

cando chega do traballo quita o seu traxe e a súa gravata para transformarse en… SULFATEITORMAN !! para combater os seus temibles inimigos: o mildeu, o oidio e o blackrot.
Contra o mal das viñas … SULFATEITORMAN !!





