7.06.07
proxecto gato
esta semana a nosa casa converteuse no novo fogar dun par de gatiños que andaban na procura de alguén que os adoptase. É difícil resistirse (para quen lle gusten os felinos) a querer ter unha destas criaturas pola casa. Eu polo menos quédome parvo mirando para eles mentres xogan, durmen, brincan.
Nesta ocasión os nomes elixidos foron Nori e Kombu.
Nori semella ser un gran lector aínda que iniciarse con Pynchon pode ser algo esgotador.

Kombu contempla o mundo dende os seus ollos tristóns e pensa en futuras sopas con ceboliños.

19.09.06
millo
temos un novo membro na familia: millo

chegou a nós por medio do típico anuncio no veterinario de ‘gatito busca familia responsable’. Ao principio semellaba apoucado pero despois dun día xa andaba a xogar coma un tolo.
A pobre cadela xa non lle ten respeto ningún e durme enriba dela.
Nestes días anda a “axudar” na vendima.

22.11.05
o mellor gato do mundo
o noso gato Pan xa non está...
Vou botar en falta como me agardabas polas mañás para que te dese de xantar, o teu corpo enrolado nas longas sestas, os teus mimos sen fin, o xeito que tiñas de seguirme coma un cadeliño…Tantas cousas.
Meu amigo, eres sen dúbida o mellor gato do mundo.

10.09.04
a familia crece II

eramos poucos e pareu a avóa… Poucos días despois da chegada de Pan, chamounos o veterinario “familiar” para contarnos que unha familia tiña unha Golden Retriever de un ano e medio e como non podían seguir coidando dela regalábana a quen a quixera na súa casa.
E así chegou Luna.
Eu pensaba que tardaría en afacerse á súa nova casa e familia pero non foi así. O problema é que os anteriores donos non a educaron moito pero as dotes de adestradora da miña dona está facendo milagres pouco a pouco.
Este tipo de cans (o de Scottex, como di a xente pola rúa) son moi tranquilos e lévase moi ben con Pan e permítelle todo, aguantando con paciencia os ataques de guerrilla do gato: mórdelle no rabo, dalle coas patas na cara, róballe comida do seu cacharro,...
Para os entendidos en temas caninos se cadra é interesente o dato de que Luna é filla do famoso Alex de Cangas, que semella ser o pai de tódolos Golden Retriever da zona.
Mágoa que non se lle poda cambiar o nome, demasiado misticismo para meu gusto, xa que eu prefiro os nomes máis de andar por casa e absurdos coma Bombilla, Pancreas ou Lentellas.





