27.10.05
as pipas
xa temos as pipas listas para comer.
A colleita foi boa pois os xirasoles foron ben regados e algúns acadaron un bo tamaño. Despois de deixalos a secar no hórreo procedeuse ao seu tostado: primeiro están un pouco a remollo con auga e sal e despois un ratiño no forno coa porta aberta.
Treme Facundo.

15.09.05
papas negras
un novo éxito de cultivo foráneo en terras galegas: a papa negra. Esta especie de patacas cultívase nas illas Canarias e con elas prepáranse as ‘papas arrugadas’ que son estas patacas cocidas ao vapor. Esta variedade véndese a prezos de até 6 euros o kilo.
Esta primavera trouxéronnos un kilo delas de Tenerife e despois de deixalas xermolar as plantamos nun curruncho da horta.
Houbo ataques de escarabellos pero pronto prosperaron e botaron flores de cor malva. Agora xa están levantadas e moitas delas acompañaron a algún churrasco.

2.09.05
dieta jipi
pouco a pouco estamos a gañar fama de rariños no lugar cos nosos costumes alternativos. Este ano sementamos millo doce pero non para os polos e galiñas como fan o resto dos veciños; o millo comémolo nós asando as mazarocas no forno. Podo asegurar que é moito máis sabroso que o que venden plastificado nos supermercados.
21.07.05
as pipas cada vez máis preto

despois de moito regar e de mimar as plantiñas xa temos as flores dos xirasoles. Estas son plantas altas duns dous metros e as flores son ben grandes; as abellas teñen traballo dabondo nelas e despois da polinización as pipas estánse a formar.

As flores grandes vense na distancia pero nada comparado coas longas extensións de xirasoles que fai pouco puiden ver polos campos de Huelva.
13.06.05
pementos do couto
todo o mundo coñece os pementos de Padrón (aínda que en moitos lugares o único que probaron son os pementos de Padrón “feitos” en Murcia e eses si que pican). Pero hai outra variedade non tan coñecida de pementos galegos: os pementos do Couto, orixinarios do concello de Narón como un servidor. Estes é raro que piquen e ademais para o meu gusto son máis xugosos. Hai rumores incluso de que os de Padrón van mercar sementes para ós seus pementos a O Couto.
Agora preténdese obter a denominación de orixe para estes pementos e tamén para os de Padrón.
Na casa xa comimos os primeiros do ano grazas ao calor subtropical do invernadoiro.

5.05.05
a casa das pipas
estes días andamos a plantar varias plantiñas de xirasol que estiveron a medrar no invernadoiro dende sementes. Están situadas por varios puntos nos límites da nosa leira; como non temos setos nin valos nin peche algún penso que sería unha boa idea delimitar as nosas propiedades con xirasoles.
Pasariamos a ser os da casa das pipas.

31.03.04
millo corvo

esta fin de semana estiven na VI festa do millo corvo en Meiro, Bueu. Esta variedade de millo de cor negra cultivábase moito na zona fai anos pero foise abandonando pouco a pouco. A Asociación Sociocultural, Deportiva e Xuvenil de Meiro intenta recuperar o seu cultivo ou polo menos a súa memoria; tamén organizan outras actividades como fomentar a participación dos nenos nas tareas relacionadas co cultivo do millo.
Na festa puiden degustar empanada de bacallau e pan con fariña de millo corvo; ámbolos dous moi ricos e cun colorciño escuro moi apetitoso.
Aquí pódese ler un poco máis sobre este tema.





