7.07.09
unha morea de guindas
Este ano a nosa guindeira [Prunus cerasus] foi moi xenerosa. Centos de boliñas vermellas penduraban das súas pólas e nin os merlos deron comido nelas.

Con elas preparouse un licor de guindas que é tradición nas miñas terras natais de Ferrolterra. Tamén xurdiron as sorpresas dunha marmelada moi rica e un doce como o que se fai cos marmelos.
29.11.07
feijoas
Este ano tivemos a primeira colleita de feijoas.

A espera de tres anos dende que foron plantados os arbustos mereceu a pena pois os froitos son ben ricos; teñen un sabor “tropical” que a min antóllaseme unha mistura entre a piña e o maracuyá.
Nesta época é posible atopalas, con procedencia galega, á venda nalgunhas froiterías.
20.09.07
castañas e marmelos
non todo van ser desgracias no “ano da carracha”. Hai tres anos plantamos na eira un pequeno castiñeiro salvado dun desastre urbanístico en O Hío (Cangas). Foi unha grande alegría ver os seus primeiros ourizos de castañas.

Outra das alegrías froiteiras do ano é a primeira colleita de marmelos do noso marmeleiro anano.

23.08.05
roubándolle comida aos paxaros
son tempos de ir recoller amoras ao monte para despois preparar marmelada coa que acompañar ás tostadas e tortiñas dos almorzos. Un bote xa se evaporou…






