29.11.07
feijoas
Este ano tivemos a primeira colleita de feijoas.

A espera de tres anos dende que foron plantados os arbustos mereceu a pena pois os froitos son ben ricos; teñen un sabor “tropical” que a min antóllaseme unha mistura entre a piña e o maracuyá.
Nesta época é posible atopalas, con procedencia galega, á venda nalgunhas froiterías.
1.10.07
vendima 2007
Como xa se temía este ano a vendima non deu para moito. Apañamos toda a uva albariña o domingo pasado e tan só enchimos 3 caixas fronte ás 25 do ano pasado. Menos mal que Manolo o veciño deixounos coller unhas uvas treixadura que non quería para el. Ao final 3 caldeiros de mosto para o barril que darán unhas 30 botellas; se o viño sale bo vai costar unha millonada.

Esta fin de semana tocoulle ás uvas tintas. Coa ameaza do mal tempo comezamos o venres pola tarde e apañamos 3 caixas. O sábado xa tivemos chuvia todo o día e xa semellaba que o viño tinto sería tan preciado como o branco. Pero o domingo despois de xantar víanse claros esperanzadores no ceo e fomos correndo ás viñas propiedade de Manolo que, coa súa filantropía habitual, cedeunos parte das uvas de folla redonda que alí estaban ao refuxio da chuvia.
Nestes intres están a fermentar na cuba as 17 caixas de uva tinta.
20.09.07
castañas e marmelos
non todo van ser desgracias no “ano da carracha”. Hai tres anos plantamos na eira un pequeno castiñeiro salvado dun desastre urbanístico en O Hío (Cangas). Foi unha grande alegría ver os seus primeiros ourizos de castañas.

Outra das alegrías froiteiras do ano é a primeira colleita de marmelos do noso marmeleiro anano.

15.07.07
a derrota de sulfateitor man

este ano o temible mildeu venceu a sulfateitor man a pesar dos seus esforzos por evitalo. A meteoroloxía adversa foi de perlas para os fungos, pulgóns e demais inimigos do verde.
Aínda así o noso heroe foi quen de salvar algúns acios para ter algo que recoller na vendima.
15.05.07
salvade ás abellas
dende o ano pasado temos aloxadas na eira unha colonia de abellas, agasallo dun coñecido apicultor.

Todo un luxo vendo como o está o panorama apícola polo mundo con despoboamentos de colmeas a grande escala; xa dixo Einstein que cando desaparezan as abellas pouco nos queda aos humanos. Esperemos que se faga algo para remediar o problema.
Dende o meu pequeno curruncho no mundo tento coidar ás miñas abellas con árbores e plantas para que polo menos non lles falte comida.

31.01.07
un ano en fotos
seguindo o exemplo do Auggie de Paul Auster este ano teño o proxecto de facer unha foto ao mes dende o mesmo sitio da miña casa co modesto fin de ver os cambios da natureza.
O calendario pode verse no menú de fotos que anda por aí enriba.

Este mes poden verse as viñas “a monte” aínda sen podar e o marmeleiro na dereita coas follas xa secas.
6.10.06
vendima 2006

esta é a terceira vendima que facemos e xa é todo un costume na casa. Tivemos sorte co tempo porque días despois de rematar chegou o mal tempo, Gordon incluido.
Este ano houbo algunhas novidades.
Por primeira vez axudaron na colleita os nosos sobriños e penso que repetirán o ano que ven.
Outra novidade foi poñer a proba uns barriles de cervexa que se están a vender na zona para almacenar o albariño, pois tivemos excedente de uvas grazas á “colleita histórica” deste ano.

Veremos como resulta o viño desta volta… aínda que sempre hai que dicir que é millor que o do veciño.
9.08.06
negro

á miña aldea chegou tamén o fogo asasino. Dende o sábado pola tarde estivemos pendentes dos montes que rodean as casas pero foi o domingo cando a situación comezou a ser crítica.
Entre varios veciños tivemos que parar o lume que se achegaba ás casas con mangueiras, caldeiros e a boa axuda das sulfatadoras para as viñas. Os bombeiros chegaron máis tarde.
O luns reaviváronse moitos lumes e a cousa quedou sen control mentres nuñez feijoo e compañía facían de bombeiros diante das cámaras despois de pasar pola festa do albariño.
Agora non queda un monte sen queimar nos arredores. Así víase un monte do lugar.

Onte un esquío procuraba refuxio na nosa casa.
Eu sei quen sodes: uns grandísimos fillos de puta.
27.04.06
viticultura

xa as parras están cheas de follas novas e semellan medrar un centímetro por día. Axiña chegará o momento de Sulfateitor Man.
Este ano plantamos unhas poucas cepas de Mencía para variar un pouco. Demasiado albariño na zona.

30.03.06
primavera
aínda que o tempo atmosférico de momento non acompaña a primavera xa chegou ao xardín.

Na foto a nosa ameixeira (prunus domestica).
1.02.06
marmeleiro
Regalounos o irmán da nosa veciña un marmeleiro (cydonia vulgaris) que tiña plantado na súa leira. Como estaba baixo as viñas tivo que podalo ano tras ano e así tomou a forma estraña que poden ver na foto.

Agora o doce de marmelo que se fai na casa vai ser máis rico se cabe.
16.12.05
galician tea
unha nova proposta de cultivo en Galiza: o té. Esta planta da familia das camelias (camellia sinensis) fun atopala no mercado das flores de Notre-Dame en París despois de procuras infructuosas polos viveiros da nosa terra. Fai pouco floreceu.

As follas do té comezan a recollerse aos tres anos de vida da planta.
Non sei se a calidade do té será boa porque nesta inflúe a altitude da plantación.
No limiar de A lus do candil de Anxel Fole este comenta que no Courel podían atoparse arbustos de té polo que aínda hai esperanza.
27.10.05
as pipas
xa temos as pipas listas para comer.
A colleita foi boa pois os xirasoles foron ben regados e algúns acadaron un bo tamaño. Despois de deixalos a secar no hórreo procedeuse ao seu tostado: primeiro están un pouco a remollo con auga e sal e despois un ratiño no forno coa porta aberta.
Treme Facundo.

7.10.05
vendima 2005
aquí teñen algunhas imaxes da vendima deste ano. A nosa colleita foi menos cuantiosa que a do ano pasado pero a uva estaba en mellores condicións.

Conseguimos encher un barril de blanco, outro de rosado (chamámoslle así a unha mezcla de uva blanca e catalana), un de tinto tipo Barrantes e un inclasificable co mosto que nos quedou de varias uvas que fermentamos para obter o bagazo. En total 32 arrobas de viño (1 arroba = 15 litros aproximadamente).

Este ano un veciño contounos que o mellor método para evitar que o mosto no barril bote escuma por fora é poñer tubos de goma dende o barril para o escape dos gases da fermentación. A adega semellaba un experimento do Quimicefa.

Todo o pobo estivo revolucionado estes días. Ao final corrían ríos de viño polos camiños.

15.09.05
papas negras
un novo éxito de cultivo foráneo en terras galegas: a papa negra. Esta especie de patacas cultívase nas illas Canarias e con elas prepáranse as ‘papas arrugadas’ que son estas patacas cocidas ao vapor. Esta variedade véndese a prezos de até 6 euros o kilo.
Esta primavera trouxéronnos un kilo delas de Tenerife e despois de deixalas xermolar as plantamos nun curruncho da horta.
Houbo ataques de escarabellos pero pronto prosperaron e botaron flores de cor malva. Agora xa están levantadas e moitas delas acompañaron a algún churrasco.

23.08.05
roubándolle comida aos paxaros
son tempos de ir recoller amoras ao monte para despois preparar marmelada coa que acompañar ás tostadas e tortiñas dos almorzos. Un bote xa se evaporou…

21.07.05
as pipas cada vez máis preto

despois de moito regar e de mimar as plantiñas xa temos as flores dos xirasoles. Estas son plantas altas duns dous metros e as flores son ben grandes; as abellas teñen traballo dabondo nelas e despois da polinización as pipas estánse a formar.

As flores grandes vense na distancia pero nada comparado coas longas extensións de xirasoles que fai pouco puiden ver polos campos de Huelva.
13.06.05
pementos do couto
todo o mundo coñece os pementos de Padrón (aínda que en moitos lugares o único que probaron son os pementos de Padrón “feitos” en Murcia e eses si que pican). Pero hai outra variedade non tan coñecida de pementos galegos: os pementos do Couto, orixinarios do concello de Narón como un servidor. Estes é raro que piquen e ademais para o meu gusto son máis xugosos. Hai rumores incluso de que os de Padrón van mercar sementes para ós seus pementos a O Couto.
Agora preténdese obter a denominación de orixe para estes pementos e tamén para os de Padrón.
Na casa xa comimos os primeiros do ano grazas ao calor subtropical do invernadoiro.

30.05.05
sulfateitor man: o retorno
o val do Salnés arrecende a sulfatos e xofres…
Estes días regresou sulfateitor man para combater o mal das viñas. Hai que estar preparado para a chegada do San Quirico aló polo 16 de xuño que como tiña unha muller borracha mandaba as néboas malignas para estragar a colleita de uvas.
Estas son as novas armas do noso heroe.
16.04.04
bichejos traicioneros
a nosa casa estase a transformar pouco a pouco nunha granxa, con rebelións incluidas. Agora viven aquí 6 pitos, 3 galiñas ponedoras, 1 parella de patos mudos de berbería e 1 parella de coellos.
As galiñas xa poñen ovos, os pitos crecen rápidamente (non paran de comer), os coellos están en actitudes reproductivas (aínda que ela parece facerse a difícil..) e os patos aparentemente só se bañan nunha pileta.
31.03.04
millo corvo

esta fin de semana estiven na VI festa do millo corvo en Meiro, Bueu. Esta variedade de millo de cor negra cultivábase moito na zona fai anos pero foise abandonando pouco a pouco. A Asociación Sociocultural, Deportiva e Xuvenil de Meiro intenta recuperar o seu cultivo ou polo menos a súa memoria; tamén organizan outras actividades como fomentar a participación dos nenos nas tareas relacionadas co cultivo do millo.
Na festa puiden degustar empanada de bacallau e pan con fariña de millo corvo; ámbolos dous moi ricos e cun colorciño escuro moi apetitoso.
Aquí pódese ler un poco máis sobre este tema.
23.03.04
ofrécese colmea con vistas

a nosa casa vaise enchendo de obxectos curiosos e antigos traídos da casa do meu avó político en Hío, Cangas (el chámalles porquerías). Fai tempo trouxemos unha vella artesa (arcón de madeira para amasar o pan) e a última vez un baúl de madeira e ferro e un cortizo para abellas que poden ver na foto; trátase dunha colmea tradicional feita con corteza de alcornoque oca. Xa está colocada na horta orientada cara o sol por ver se algún enxame se decide a mudar aquí; estes días poiden ver algunha abella exploradora examinando o cortizo como posible futura vivenda.
Abellas do mundo: aproveiten esta oportunidade única.
16.03.04
actualización de árbores
comentei fai pouco que non temos vimbios para atar as vides. Despois de consultar ós sabios do lugar souben que con só prantar unhas varas recén cortadas estes arboliños botan raíces fácilmente; agora xa hai plantadas 4 varas de vimieira (salix viminalis) e unha de elas xa ten un prometedor gromo.
achégase a primavera e casi tódolos frutais están florecendo: a amendoeira que plantei este ano apareceu unha mañá cunha fermosa flor blanca; tamén florecen a cereixeira (na foto), o pexegueiro (prunus persica) coas súas flores rosas, a laranxeira.
ver foto enriba
onte mesmo plantei un pequeno carballo (quercus pyrenaica) rescatado en Hío (Cangas) do acoso dos eucaliptos; esperemos que prospere pois vense cada vez menos polos montes. Os meus veciños non entenden que se plante un carballo porque non da froitos…
ver foto enriba
espero ter froitos do caqui que se ve na foto pois un veciño ten un e este outono estaba cargadiño de froitas; tamén están en proceso de plantación un par de nespereiras e unha figueira negra tamén traídas de Hío.
ver foto enriba
13.03.04
rabaños

O rabaño dos meus veciños medrou con dous novos años. Mentras as ovellas adultas pastan na herba as pequenas comen de mentirixiña para ir aprendendo sen alonxarse da súa nai e alleas ao absurdo mundo salvaxe dos humáns.
17.02.04
fin da poda

estes días rematamos coa poda das viñas de albariño (aínda que queda polo menos un día máis para rematar con outras parras de uva tinta e catalana). Na foto pode verse o resultado de tanto traballo; teño que agradecer ao meu veciño Manolo que me ensenara a técnica da poda aínda que sigo tendo dúbidas moitas veces antes de cortar. Tamén aprendín novos termos como ghomada (as ramas novas) e tornos (os novos gromos das vides). Ahora falta atar cada unha das vides aos aramios que as suxeitan pero para isto xa non hai que depender da lúa; para os non iniciados apunto que a forma tradicional de atar é usando ramiñaas de vimbio (mimbre en castelán) previamente a remollo pero como todavía non temos ningún arboliño de vimbios (un vimieiro, vimbieira, salgueiro blanco : salix viminalis) terá que ser con macarrón (un cordel de plástico azul lixeiramente elástico e resistente).





