28.09.04
vendima
esta fin de semana estivemos de vendima e os dedos cos que escribo isto aínda seguen suxos co zume das uvas. Despois de andar todo o ano primeiro podando, logo atando e sulfatando chegou o ansiado momento de recoller os pequenos froitos. Foi un pouco traballoso xa que algúns acios estaban maduros de máis e había que andar escollendo nas uvas. Agora temos dúas cubas cheas de uvas tintas e blancas (catalán, moscatel e un pouco de albariño) que están a fermentar despois de ter sido esmagadas polos pes dun servidor. As uvas fermentadas vanse poñendo quentes e por aquí contan que unha vez caeu unha galiña dentro dunha cuba e quedou cocida; tamén din que pola parte de Ourense lle botan xamóns enteiros ás cubas co fermento e acaban desfeitos pero isto non foi confirmado …
As uvas albariñas sufriron bastantes baixas este ano por mor da peste do blackrot (aínda que aquí sempre lle botan a culpa á araña roxa) pero tentaremos vender unhas caixas a unha bodega veciña a pesar de que a pagan moi mal tendo en conta os traballos que require esta uva. O resto para os nosos barrís.
Nenos e nenas, isto da vendima é moi fatigoso e penso que aínda temos até o venres. Eso sí, o viño vaise desfrutar máis que nunca.






— opaco 29 09 2004 - 10:05 #