30.07.04
vacacións
dentro de 2 horas comenzo as miñas vacacións como moitos por estas datas. Xa había tempo que non tiña vacacións no verán e isto me fixo recordar os tempos xa lonxanos nos que os veráns eran longos e semellaban transcorrer nunha nova dimensión espacio-temporal.
Cando era un raparigo, anos antes da era naranjito, pasei varios veráns seguidos do mesmo xeito: cos meus pais e irmán, tíos e primos en tendas de campaña practicando a acampada libre nas cercanías da praia da Frouxeira en Lago (Valdoviño). Naqueles tempos a acampada libre estaba máis ou menos permitida aínda que había que andar atentos por se aparecía a Garda Civil.
Tiñamos un sitio ben escollido e pasábamos o verán prácticamente sos e con pouco contacto coa civilización pero todo estaba preparado para facer a estadía o máis cómoda posible: había duchas improvisadas con regadeiras, o wc era un burato no chan, unha fonte cercana proporcionaba auga fresca e diversión para os nenos, campingaz para ter luz pola noite e para cociñar unha cociña pequena a gas butano.
Un dos praceres de estar alí era ir pola mañanciña á praia e choupar no mar máis frío que nunca coñecín. Despois a volta ao campamento nunha longa andaina entre dunas xigantescas na miña visión de neno e alí atopar a comida recén preparada que comiamos con fame de lobo. Pola tardiña sempre inventábamos xogos que transcorrían por aquelas paisaxes desertas sen límites: eramos os homes de Harrelson, Kung Fu, Bruce Lee e demais superheroes de barrio. Os nosos geyperman e clics tiñan unha inmellorable zona de operacións para as súas aventuras. Xogar ao escondite era fascinante con tantas posibilidades de agacharse.
A tele apenas podíamos vela por falta de electricidade aínda que de cando en vez e gracias a batería dun dos coches os maiores regalábannos uns minutos de ‘os picapedra’.
Pola noite tantas estrelas como nunca máis volvín ver e logo quedaba durmido co murmurio lonxano das augas fortes do Atlántico.
E así tres meses de vida salvaxe. O día que marchábamos era triste por deixar este mundo e alegre por voltar á casa e ás comodidades que botábamos un pouco de menos.
Agora boto de menos aqueles veráns inconscientes e eternos.
— dorfun 30 07 2004 - 22:44 #






— dorfun 30 07 2004 - 14:04 #